martes, 26 de novembro de 2019

COMEZAMOS COA SEMANA DA NON VIOLENCIA

CONMEMORACIÓN DO 25-N
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O pasado 25 de novembro, un grupo de rapazas de 2° de bacharelato do grupo de TEGP, estiveron facendo un traballo relacionado co día contra a violencia de xénero. Consistiu en pegar frases machistas do día a día por todo o instituto feitas por rapaces de todos os cursos, ademais duns maniquíes que representan cómo a Muller está dominada polo home e un dibuxo a tamaño real cos nomes e idades de mulleres asasinadas. 






Grazas ao traballo de Josebe e a implicación de todas as persoas que participaron neste traballo, a gran maioría do instituto comezou a concienciarse deste grave problema que sofren as mulleres do noso planeta.
Martín Forte e Iria Cao

venres, 22 de novembro de 2019

SECUENCIANDO O MAR




Na reunión do Club de Ciencia do 19 de novembro de 2019, pretendemos homenaxear a Margarita Salas Falgueras, unha das mellores científicas españolas do século XX.
Margarita Salas licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade Complutense de Madrid e foi discípula de Severo Ochoa. Descubriu a encima phi29 ADN polimerasa marcando o comezo de aplicacións innovadoras para as probas de ADN e, con este descubrimento, o CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) obtivo a patente máis rendible da súa historia. O pasado mes de xuño recibiu en Viena o premio ó inventor do ano 2019, entregado pola Oficina Europea de Patentes en dúas categorías: logro dunha vida e voto popular (a primeira vez que se concede este doblete).


Durante a reunión co alumnado, despois da comida, visualizamos varios vídeos de curta duración nos que Margarita Salas amosaba a súa paixón pola ciencia contaxiando entusiasmo. “O importante é non ter engurras no cerebro”, di Margarita ós seus 80 anos, e expón a importancia do tesón e da rigorosidade na ciencia.




Invitámosvos a volver a ver estes vídeos e outros máis que podedes atopar en internet para coñecer máis en profundidade á persoa e á científica.
A continuación o alumnado na aula de informática traballou en pequenos grupos para buscar información sobre Margarita Salas e facer un pequeno repaso da súa vida.





Aquí temos o resultado do traballo realizado:

E xa no laboratorio, procedemos a facer o que máis nos gusta: CACHARREAR!
Realizamos a extracción de ácidos nucleicos (ADN e ARN) de mexillón e de alga. Empregamos produtos do mar porque é o tema do proxecto de centro de este ano.
As alumnas e alumnos lavaron os mexillóns e as algas, abriron os mexillóns e machacáronos no morteiro cun pouco de sal e auga.






 


Colaron a mestura e engadiron un pouco de xabón líquido.
Esperaron uns minutos e engadiron etanol no que se separou o ADN (con algo de ARN por medio). O experimento repetiuse coas algas e finalmente con plátano que, aínda que non é un produto do mar, o seu estudo tamén resulta interesante. 










E como nos sobraron mostras de plátano vímonos obrigados a tomalos de merenda permitindo que esta vez o ADN do plátano se liberara nos nosos estómagos. Acompañamos os plátanos cunhas mandarinas, porque hai que repoñer enerxías despois do traballo!
TODO SEXA POLA CIENCIA!







Moi bo traballo!

Vémonos na próxima sesión.

venres, 8 de novembro de 2019

CONXELANDO O MAR




Na reunión do martes 5 de novembro de 2019 propúxose a posibilidade de conxelar o mar.
Despois da xuntanza para comer pasamos á aula de informática. Comezamos vendo un curto de Ice Age, por ver se nos inspirabamos con Scrat e “rompiamos un pouco o xeo”. Discutimos cuestións como se era posible conxelar o mar, a composición da auga do mar, se podía variar a temperatura de conxelación, que pasaba coa auga ó conxelar… Para aportar ideas ó debate amosouse un pequeno vídeo de como flotan os icebergs e outro no que se estaba a botar sal na rúa para evitar a formación de placas de xeo.



Na metade do debate o alumnado botou man dos ordenadores e de internet para ver se era quen de aclarar as ideas, e posteriormente volvemos á discusión con ansias renovadas. Certas ideas quedaron claras, sobre todo as referentes ós datos, pero outras non. Así as cousas, botamos man do “cerebro colectivo” alí presente e, ós poucos minutos, xurdiu un momento Eureka moi emocionante cando un alumno, “inspirado pola colectividade e polo fluxo de ideas”, chegou ó descubrimento de por que se botaba sal nas estradas para evitar a formación de placas de xeo. Cando menos, o profesorado presente xa poderá presumir de que viu a un alumno deducir correctamente unha explicación científica, en vez de presentarlla dende o principio.



Pero a simple pregunta de si se podería conxelar o mar foi bastante polémica e deu máis xogo do esperado. E aínda segue sen resposta. Iso si, unha alumna dixo que esa noite non ía durmir pola inquedanza de non ter a resposta…


TOCA SEGUIR INVESTIGANDO!

Xa no laboratorio realizáronse unha serie de experiencias. Primeiro comparouse como desconxelaban dous cubos de xeo (un con sal e outro sen sal engadida, medindo cun termómetro a temperatura do líquido que se formaba). Simultaneamente preparouse unha disolución de auga saturada de sal e verificouse que hai un límite na solubilidade do sal.






Preparamos 3 mostras con auga destilada, auga saturada de sal (salmoira) e auga de mar (do mar de O Grove, por suposto) e fixemos unha marca da altura á que chegaba a auga. A maiores, preparamos outros 3 tubos de ensaio con zume de laranxa (por investigar, simplemente) e metemos todo nun bote con xeo picado e sal (no que creamos unha mestura crioscópica).




Ó final non conxelamos a mestura de salmoira, pero si a de auga destilada, a de mar, e o zume de laranxa dos tres tubos de ensaio (por certo, para ampliar o estudo, tiñámoslle metido un pau dentro e comprobamos que ó sacalo tiñamos uns xeados que non nos quedou máis remedio que comer).







Non conxelamos todo o mar, só unha porción, pero como resultado colateral conxelamos un zume de laranxa natural e desfrutamos duns merecidos xeados para rematar a sesión.

Moi bo traballo.

Ata a próxima!