luns, 14 de setembro de 2020

NORMAS DE USO DA NOSA BIBLIOTECA

 

Pretendemos, en primeiro lugar, que neste curso 2020/21 que comeza a nosa biblioteca continúe a ser o espazo de referencia para a lectura, a información e as aprendizaxes, beneficiando así a toda a comunidade educativa e ofrecendo oportunidades diversas de acceso a información relevante.

Somos conscientes do reto que supón este incerto momento de pandemia no uso seguro deste espazo común e, por iso, desenvolvemos un protocolo inicial que poderá ser avaliado, puntualizado ou mellorado segundo o desenvolvemento do inicio de curso.

O equipo da biblioteca planificará os distintos escenarios que se poidan dar ao longo do curso, incluíndo a posibilidade de cese das actividades presenciais.

                                 

MEDIDAS A ADOPTAR:


   O aforo máximo de persoas na sala é 19.


 Os postos nas mesas están sinalizados. O alumnado permanecerá sentado no seu posto, agás que se dirixa ao mostrador para información.


   O alumnado desinfectará o seu posto despois do seu uso.


 Non se poderá coller libros dos estantes; haberá que dirixirse ao mostrador da biblioteca ou levantar a man e solicitarllo á persoa responsábel nese  momento.


 So poderán estar 2 persoas como máximo facendo fila no mostrador e sempre coa distancia de 1,5 metros de separación entre elas. Se a fila estivera completa o alumnado agardará fora da biblioteca.


    Os libros devoltos serán illados na caixa correspondente e será o equipo da biblioteca o encargado da súa colocación nos andeis, non antes dun día.


 So poderán utilizarse os xogos de mesa de uso individual, desinfectándoos sempre antes e despois do seu uso.


   Poderanse utilizar os ordenadores da biblioteca para consultas e realización de traballos, facendo a desinfección dos mesmos despois do seu uso. Para iso botarase o desinfectante nun pano, nunca directamente no ordenador.


 Aplicaranse na biblioteca as restantes normas de uso e protección polo protocolo covid das outras aulas: uso de xel desinfectante e máscara, ventilación do espazo e distancia de 1,5 metros.

 

 

mércores, 9 de setembro de 2020

Young Business Talents

 A nosa experiencia no Young Business Talents foi estupenda, unha gran oportunidade de aprender para calquera alumno de economía. Ter a posibilidade de dirixir unha empresa, competindo en mercados nacionais e internacionais contra outras empresas dirixidas igualmente por alumnos de idades semellantes, brinda a calquera estudante uns coñecementos e valores fundamentais para a súa vida futura. A intuición empresarial e a toma de decisións eríxense como os alicerces fundamentais para alcanzar a vitoria e só aqueles que cheguen a dominar a presión da competición e tomen as mellores decisións, reaccionando ante os cambios do mercado, arriscando ou sendo conservadores, conseguirán clasificarse primeiros. O programa non se basea tanto no dominio dos conceptos económicos, senón en coñecer o simulador e o mercado á perfección, para adiantarse aos acontecementos, intuíndo as futuras decisións das empresas competidoras.



Durante todo o curso, o Young Business Talents converteuse nun dos nosos proxectos máis ilusionantes. Realmente brinda unha experiencia próxima, adaptando ao noso nivel a dirección dunha empresa real. A utilización dun software simulador profesional, premia o uso da lóxica e permite que, ante distintos escenarios, calquera decisión sexa válida, como o sería nun mercado real. Por iso consideramos que a participación nesta competición é unha gran idea do departamento de economía, recomendándoa a todos os futuros estudantes (e iso que quedamos sen a viaxe a Madrid).


Raúl Salgado García, 2º bacharelato