luns, 21 de maio de 2018

Obradoiro de Música


O mércores 16 de maio tivo lugar o Obradoiro "Música electrónica con materiais cotiáns" para o alumnado da materia optativa de Música de 4º da ESO, organizado polo Departamento de Música.

O Obradoiro foi impartido por Mateo Mena, enxeñeiro de son e titulado no Grao de Composición polo Conservatorio Superior de Vigo. Especializado en música electroacústica, os seus proxectos sempre teñen estreita relación coa arte e a ciencia.


O Obradoiro, de dúas horas de duración, consistiu en sinxelos experimentos graduados, que o noso alumnado levou a cabo en pequenos grupos co obxectivo de facer dispositivos sonoros, xerando, controlando e modificando as ondas sonoras. Traballaron con sons electrónicos sen necesidade de usar ordenadores.A actividade levouse a cabo na nosa biblioteca, cunha organización das mesas que facilitou o traballo en grupos.


Grazas ao equipo da biblioteca pola súa colaboración.









Debuxando música

Na Semana do Monte de Experiencias, o alumnado de 2º es ESO estivo a facer debuxos e mandalas na biblioteca. Só tiñan dúas consignas: utilizar só signos da linguaxe musical e moita imaxinación.

Esta sinxela exposición é o resultado da súa creatividade, traballando nun lugar acolledor e estimulante como a biblioteca.



 



domingo, 13 de maio de 2018

Colaborando con "Por una sonrisa"

 Xa está na entrada do centro o caixón para depositar os teus libros



 
Como noutras ocasións, a Biblioteca colabora coa ONG de O Grove "Por una sonrisa", desta volta recollendo libros. Así que, xa sabes: se polos andeis da túa casa hai libros xeitosos (novela, cómic, relato...), pero que xa liches e cres que lle poden interesar a alguén máis, podes depositalos no caixón da entrada do centro e nós llos faremos chegar á ONG para que os poña á venda o próximo 20 de maio no Mercado do libro e as flores.

María Victoria Moreno

A nosa pequena homenaxe a 
María Victoria Moreno

Xa está na Biblioteca a nosa pequena homenaxe á autora a quen se lle adica este ano o día das Letras Galegas. Pásate un rato e curiosea nas súas obras, nas rúas de Pontevedra polas que paseaba, coñece as obras que hai sobre ela e algún que outro dato curioso.

venres, 4 de maio de 2018

Estreamos unha pestana no noso blog onde iremos colgando información, recursos, curiosidades, etc., sobre a autora a quen se lle adican este ano as letras galegas. Non deixedes de visitalo!

xoves, 3 de maio de 2018

23 de abril. Día do libro

23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO
Escenario antes da lectura

 O luns 23 de abril, co gallo da celebración do día do libro, a nosa Biblioteca ateigouse de xente para gozar dunha lectura conxunta da obra Le Petit Prince, do autor francés Antoine de Saint-Exupéry. Este ano cúmprense 75 anos da súa publicación, así que..., por que non recuperala? Un gran grupo de alumnado voluntario quixo compartir esta lectura en 4 idiomas: francés, inglés, castelá e galego. Encantounos a todos e todas esta experiencia!

 Lectores do primeiro e segundo recreo

Público que asistiu


Algúns momentos da lectura



E, como a lectura deu para moito, aquí tedes máis imaxes