mércores, 30 de outubro de 2019

CLUB DE LECTURA: A TODORERÍA

POÑÉMONOS EN MARCHA CO LIBRO: LA TODORERÍA DE SILVERIUS KLAMP


Cantos de nós soñamos algunha vez con mercar algo que non se vende? A píldora da felicidade, un boleto de lotería que sempre toca, tempo, saúde... e poderiamos seguir así indefinidamente.


O pasado mércores día 23 de outubro os alumnos e alumnas do IES Monte da Vila tiveron a oportunidade de coñecer “La todorería de Silverius Klamp”, o lugar perfecto no que atopar un anaco de maxia.

Dende o equipo da biblioteca tratouse de animar a todo o alumnado para que asistisen á presentación do libro, que tivo lugar durante a tarde do venres 25 de outubro e que permitiu aos asistentes pasar un bo rato coñecendo a Irene Cortés, autora da obra e veciña do Grove.

A xuntanza foi do máis gratificante pois desfrutamos escoitando a algúns dos nosos coñecidos lendo diversos fragmentos da todorería antes de achegarnos á escritora para que asinase os nosos exemplares. Ademais, temos que confesar que o alumnado do IES Monte da Vila saíu vitorioso levando tres dos catro libros sorteados durante a presentación.



Esta mesma mañá, durante o primeiro recreo reuniuse un pequeno grupo de alumnos e alumnas para dar inicio ao primeiro club de lectura deste curso. O obxectivo é desfrutar lendo e comentando os detalles da todorería de Silverius Klamp pero quen sabe se ao final atopan un lugar onde mercar un notable, un sobresaliente, ...


Esperamos que esta reunión só sexa a primeira de moitas. ¡Que empece a aventura!

venres, 25 de outubro de 2019

QUEIMANDO O MAR




REVISAMOS O NAUFRAXIO DO CASÓN (1987)



O pasado martes día 22 de outubro de 2019 demos a benvida ao club de ciencia no que participan alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º da ESO. A xuntanza foi do máis  enriquecedora, tanto para o alumnado como para o profesorado.




Comezamos cun almorzo na mellor das compañas ao rematar as clases. Por fin a aula de convivencia cumpriu o seu obxectivo: convivir!

Despois do merecido descanso, durante a primeira hora fíxose a presentación do club e levouse a cabo unha tormenta de ideas en relación ao noso tema principal: o mar. Os alumnos e alumnas animáronse a participar a viva voz manifestando os seus intereses e coñecementos relacionados coas ciencias e o mar para establecer as liñas de traballo das seguintes sesións.
















A aventura científica continuou co visionado dun pequeno vídeo relacionado co naufraxio do Casón no ano 1987.


Non quedaron detalles sen escudriñar. Dende a toxicidade (ou non toxicidade) dos produtos da reacción química ata a voz sobresaltada da xornalista, todo foi analizado polos nosos pequenos científicos antes de pasar á acción no laboratorio.


Na segunda hora de reunión, o alumnado tivo a oportunidade de experimentar e observar cos seus propios ollos a reacción química entre o sodio e a auga. Coas batas e as lentes de protección ben postas, comezaron botando pequenos anacos de sodio para descubrir que o proceso que ten lugar é moi enerxético e violento. A partir de aquí os máis atrevidos continuaron experimentando con pequenos barcos de papel para cumprir o soño da maior parte do noso alumnado: queimar cousas! 




Para rematar, o alumnado transformouse nun verdadeiro grupo de científicos anotando nos seus guións o resultado dos experimentos. Analizaron os produtos da reacción de tres xeitos diferentes: 
  • Mediron o pH da disolución resultante cun papel indicador. 
  • Volveron medir o pH, esta vez usando un pHmetro.
  • Engadiron fenolftaleína para descubrir que a disolución viraba de transparente a rosa.

Moi bo traballo!

Agardamos con impaciencia a próxima reunión.