REVISAMOS O NAUFRAXIO DO CASÓN (1987)
O pasado martes día 22 de outubro de 2019 demos a benvida ao club de ciencia no que participan alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º da ESO. A xuntanza foi do máis enriquecedora, tanto para o alumnado como para o profesorado.
Comezamos cun almorzo na mellor das compañas ao rematar as clases. Por fin a aula de convivencia cumpriu o seu obxectivo: convivir!
Despois do merecido descanso, durante a primeira hora fíxose a presentación do club e levouse a cabo unha tormenta de ideas en relación ao noso tema principal: o mar. Os alumnos e alumnas animáronse a participar a viva voz manifestando os seus intereses e coñecementos relacionados coas ciencias e o mar para establecer as liñas de traballo das seguintes sesións.
A aventura científica continuou co visionado dun pequeno vídeo relacionado co naufraxio do Casón no ano 1987.
Na segunda hora de reunión, o alumnado tivo a oportunidade de experimentar e observar cos seus propios ollos a reacción química entre o sodio e a auga. Coas batas e as lentes de protección ben postas, comezaron botando pequenos anacos de sodio para descubrir que o proceso que ten lugar é moi enerxético e violento. A partir de aquí os máis atrevidos continuaron experimentando con pequenos barcos de papel para cumprir o soño da maior parte do noso alumnado: queimar cousas!
Para rematar, o alumnado transformouse nun verdadeiro grupo de científicos anotando nos seus guións o resultado dos experimentos. Analizaron os produtos da reacción de tres xeitos diferentes:
- Mediron o pH da disolución resultante cun papel indicador.
- Volveron medir o pH, esta vez usando un pHmetro.
- Engadiron fenolftaleína para descubrir que a disolución viraba de transparente a rosa.
Moi bo traballo!
Agardamos con impaciencia a próxima reunión.
Agardamos con impaciencia a próxima reunión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario