xoves, 5 de decembro de 2019

DESCOMPOÑENDO O MAR


En primeiro lugar, queremos darlle as grazas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola concesión,na resolución definitiva do 27 de novembro de 2019, do Club de Ciencia ó IES Monte da Vila para este curso 2019-20.

Faro de Vigo, para ver a noticia dixital pincha aquí

Dende o Club de Ciencia seguimos empregando o mar como escusa para aprender de xeito informal e divertido. Así,o martes 3 de decembro de 2019,estivemos “xogando” a descompoñer o mar.


Nestes días estase a celebrar en Madrid o Cume Climático (COP25). Por iso, na primeira parte da reunión, charlamos sobre un dos moitos efectos que o excesivo nivel de dióxido de carbono (CO2)produce no ambiente: a acidificación dos océanos.
Para aproximarnos ó tema vimos un par de vídeos nos que, entre outros aspectos, se menciona como o CO2 da atmosfera pode pasar á auga dos mares dando lugar a un aumento da acidez (diminución do pH). Isto afecta especialmente ó desenvolvemento das cunchas dos moluscos, ós corais e ó plancto. Deixamos os enlaces dos vídeos por se alguén quere velos e, por suposto, podedes seguir indagando e buscando outros vídeos ou información relacionada coa temática.
“La acidificación de los océanos”



Durante a charla co alumnado tratouse de xeito sinxelo un proceso complexo como o que se establece nos equilibrios químicos entre o dióxido de carbono atmosférico e os océanos (nos que non só hai auga e habería que ter en conta máis aspectos).



Tamén falamos da descomposición electrolítica da auga do mar.

E despois de satisfacer a curiosidade teórica pasamos á práctica. Poñemos as batas e...

ACCIÓN!

Comezamos realizando unha descomposición electrolítica. Collemos un pouco de auga de mar, poñemos os eléctrodos, conectamos os cables á pila e comprobamos como a auga do mar se convertía en burbullas.
Puidemos detectar, mediante o olfacto a presenza de cloro gas, procedente da sal (NaCl) que ten a auga do mar.
“CHEIRA A PISCINA” dicían.




Fixemos tamén unha proba adicional empregando nitrato de prata que reacciona cos ións cloruro para dar lugar a un composto insoluble de cloruro de prata que aparecía como unha nube branca no tubo de ensaio. Para iso houbo que poñer luvas, e evitar que o nitrato de prata deixara tatuaxes nas mans durante algunhas semanas.


Finalmente procedemos a descompoñer cunchas de animais mariños.


Para iso empregamos ácido clorhídrico (HCl). O ácido reaccionaba coas cunchas (formadas principalmente de carbonato de calcio) para formar cloruro de calcio e un gas coñecido: o dióxido de carbono.
Para identificar este gas, que é incoloro, conducímolo a través dun tubo cara unha vela e puidemos ver como se apagaba (a vela precisa osíxeno para arder, pero o CO2 que é máis denso que o aire, despraza o aire que contén osíxeno e a vela acaba apagándose). Noutra experiencia, o gas CO2 recollíase nun vaso para despois vertelo e apagar “maxicamente” a vela.







Como última experiencia fixemos burbullar o dióxido de carbono a través dun vaso con auga destilada e comprobamos (con papel indicador e con pH-metro) como se acidificaba a auga ó baixar o pH, dando conta do que pode estar a pasar co dióxido de carbono atmosférico cando se disolve nas augas mariñas.



Con esta sesión despedimos o primeiro trimestre. Vémonos á volta das vacacións de nadal. 
Moi bo traballo, equipo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario