O pasado martes día 3 de marzo, alleos a todo o que estaba por vir, o club
de ciencias gozou da súa última xuntanza previa ao período de contención.
Como sempre, a sesión
comezou abordando as cuestións mais teóricas de forma conxunta pero, nesta ocasión
Ricardo tiña unha sorpresa para nós. “Se como lentellas tódolos luns e hoxe
comín lentellas, quere dicir que é luns?” Entorno a esta cuestión pasamos un bo
rato analizando cada palabra e aprendendo a utilizar a lóxica para ser un pouco
mais excelentes!
A partir de aquí, unha
secuencia de vídeos curtos deixaría entrever o que nos íamos atopar en breves
instantes no laboratorio. Sabiades que existen insectos que son capaces de
camiñar sobre a auga? O mesmo fundamento científico que explica este fenómeno
tamén xustifica que nos custe mais entrar na auga da piscina cando nos tiramos
en plancha, aínda que a diferenza é evidente: nós pesamos mais!
Xa no laboratorio dedicamos varios experimentos a comprobar a tensión superficial da auga: 1) facendo flotar obxectos máis densos que a propia auga (como un clip de aceiro); 2) impedindo que caia a auga contida nun vaso posto boca abaixo e recuberto dunha tela con buratos; e 3) engadindo obxectos dentro dun vaso que estaba totalmente cheo de auga. Por outra banda, tamén engadimos xabón ao vaso no que fixéramos flotar o clip para observar como se rompe a tensión superficial provocando a caída do clip ao fondo do recipiente.
A segunda parte da xuntanza
no laboratorio dedicámola a comprobar as propiedades de fluídos non newtonianos:
tecnicamente empregamos fariña de millo e auga para analizar como se comporta a
mestura cando a manipulamos con rixidez ou con suavidade. Sen embargo, estou
segura de que tódolos membros do club de ciencias alí presentes estarían de acordo
en afirmar que, o término mais axeitado para definir o que fixemos no
laboratorio é XOGAR. Experimentamos xogando co fluído non newtoniano e
demostramos, unha vez mais, que a ciencia pode ser divertida.
Moi bo traballo!
Dende a
organización do club de ciencias desexámosvos a mellor das sortes neste período
que nos tocou vivir! Moito ánimo e esperamos volver pronto con mais ideas e
mais ciencia!
Ningún comentario:
Publicar un comentario