Dentro do Plan Proxecta "O Monte Vivo", realizouse un rosco, na nosa biblioteca, o 24 de maio.
- A: comeza pola A: avaliación. Tras a visita o pasado día 8 de maio á base aérea do Campiño por parte do alumnado de 1º ESO, tocaba avaliar os coñecementos adquiridos por parte dos participantes, tanto nesta actividade como nas restantes relacionadas co programa “O monte vivo”.
-B: comeza pola B: biblioteca. Josebe, como coordinadora da Biblioteca do IES Monte da Vila, conseguiu involucrar, tanto ao alumnado máis novo, de 1º ESO, como aos “veteranos “ de 2º Bacharelato presentes, demostrando que é posible a cooperación interxeracional,
-C: comeza pola C: os participantes organizáronse en dous grupos, “pilotados” por cadanseu voceiro, e foron respondendo ás preguntas do “rosco” correspondente, relativas a monte e incendios. Os equipos tiñan como mascota un peixe e unha ra, segundo o debuxo que aparecía en cada “rosco”.
-D: comeza pola D: demostración: o alumnado demostrou ter asimilado moitos contidos sobre a materia, facendo vibrar coas súas respostas ao profesorado presente, de diferentes departamentos.
-E: comeza pola E: entrega: tras un tempo de lecer cheo de entretemento, procedeuse á entrega do premio ao equipo cuxo voceiro foi Jose Carlos Caneda, quen xa tivera un papel protagonista na excursión ao Campiño. O agasallo recibido foi, precisamente, un dos dous enormes libros que nos entregaron alí, con fotografías sobre as paisaxes galegas que son a envexa doutras rexións, e que tanto debemos coidar.
-F: comeza por F: final. Esta é a actividade final no marco do Plan Proxecta+ “ O Monte vivo”, na que participamos os departamentos de Matemáticas, Xeografía e Historia e Música; neste caso en coordinación coa biblioteca, e coa axuda do TIC do centro, Pablo Gallego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario