luns, 22 de maio de 2023

XVII Edición das Esculturas de Area

Desde as nove da mañá as ferramentas e as ideas inzaban a praia da Lanzada, ideal por contar coas condicións necesarias para acoller as máis de 700 persoas participantes na Xornada de Esculturas de Area que se celebra desde hai xa dezasete anos.

Organizados desde o IES Monte da Vila do Grove, coa colaboración indispensable da ANPA, de Protección Civil e o Concello de O Grove, o alumnado e profesorado vido desde distintos puntos de Galicia gozaron dunha xornada solleira e de moi boa temperatura, enchendo a area de interpretacións da obra e da figura de Picasso, que foi o tema deste ano. Un total de 11 centros participaron nesta edición.


As obras, de diferentes tamaños, só tiveron o vento do norte na súa contra, que provocaba que as esculturas secasen demasiado rápido e fose moi difícil conseguir darlles altura. Para acadar o éxito houbo, polo tanto, que botar man do traballo en equipo, a capacidade de organización e a resolución de problemas, competencias que nas aulas é máis difícil traballar.



Josebe Arrillaga, creadora e mantedora do evento, xunto coa súa compañeira do departamento de Debuxo Clara Vindel, agradeceulles a todos os centros e membros da organización a participación na xornada de hoxe, convidou a repetir no vindeiro curso e anunciou que o tema do próximo ano serán as gárgolas.


Mónica Góñez

Galicia Noticias Mediodía. 22/05/203. TVG

Galería de imaxes

Ningún comentario:

Publicar un comentario