A tarde do xoves 4 de abril fíxose entrega dos premios aos gañadores e
finalistas dos relatos curtos baseados nos acontecementos de ‘Lúa de sangue’. O
acto celebrouse na Sala de Cunchas do concello do Grove na que se espuxeron as
obras realizadas polo alumnado do IES Monte da Vila, que estaban inspiradas no
ambiente mariñeiro no que se desenvolve a historia de ‘A praia dos
afogados’.
As profesoras do IES Monte da Vila, Clara M. Vindel e Josebe Arrillaga Chopitea, fixeron unha pequena presentación do acto. Clara comezou recordando en que
consistía e cal era o obxectivo principal do Festival Montenegro de Arte e Novela Negra e Josebe sinalou que nesta segunda edición se organizaron dous certames literarios que xiraron arredor das obras dos escritores invitados. Este festival
pretende sumerxir ao alumnado nos mundos da lectura, escritura e a arte, promovendo a súa creatividade.
Participaron nestas dúas edicións diferentes escritores: Domingo Villar, Joe Álamo e Jon Arretxe, ademais de personalidades relacionadas coa novela negra como é o caso de Sergio Vera.
A celebración destes festivais fíxose posible grazas a un enorme esforzo por
parte do IES Monte da Vila e o Concello do Grove, que se uniron co propósito de
fomentar a cultura.
Por parte do concello falou Pili Galiñanes, desde a Concellaría de Cultura,
agradecendo o traballo do instituto e as súas iniciativas, así como a
participación, tanto por parte do alumnado como polas persoas maiores de 18
anos que tamén se animaron a escribir.
Domingo Villar tamén fixo a súa aportación nesta sesión, agradecendo ao instituto por invitalo ao festival e aos participantes polo seu esforzo. Dirixíndose
a estes últimos, Domingo afirmou que as obras contaban cunha gran calidade e animounos a seguir escribindo e a facelo con
paixón e sentimento.
A sesión pechouse coa entrega de premios de relatos curtos e coa
inauguración da exposición das obras feitas por alumnado de técnicas de
expresión gráfico plásticas de bacharelato e por alumnado de educación plástica
e visual de 4º da ESO.
O IES Monte da Vila xa está agardando a III edición do Festival de Novela
Negra.
Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A
Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A
Ningún comentario:
Publicar un comentario