Na reunión do martes 5 de
novembro de 2019 propúxose a posibilidade de conxelar o mar.
Despois da xuntanza para
comer pasamos á aula de informática. Comezamos vendo un curto de Ice Age, por
ver se nos inspirabamos con Scrat e “rompiamos un pouco o xeo”. Discutimos
cuestións como se era posible conxelar o mar, a composición da auga do mar, se
podía variar a temperatura de conxelación, que pasaba coa auga ó conxelar… Para
aportar ideas ó debate amosouse un pequeno vídeo de como flotan os icebergs e
outro no que se estaba a botar sal na rúa para evitar a formación de placas de
xeo.
Na metade do debate o
alumnado botou man dos ordenadores e de internet para ver se era quen de
aclarar as ideas, e posteriormente volvemos á discusión con ansias renovadas.
Certas ideas quedaron claras, sobre todo as referentes ós datos, pero outras
non. Así as cousas, botamos man do “cerebro colectivo” alí presente e, ós
poucos minutos, xurdiu un momento Eureka moi emocionante cando un alumno,
“inspirado pola colectividade e polo fluxo de ideas”, chegou ó descubrimento de
por que se botaba sal nas estradas para evitar a formación de placas de xeo. Cando
menos, o profesorado presente xa poderá presumir de que viu a un alumno deducir
correctamente unha explicación científica, en vez de presentarlla dende o
principio.
TOCA SEGUIR INVESTIGANDO!
Xa no laboratorio
realizáronse unha serie de experiencias. Primeiro comparouse como desconxelaban
dous cubos de xeo (un con sal e outro sen sal engadida, medindo cun termómetro
a temperatura do líquido que se formaba). Simultaneamente preparouse unha
disolución de auga saturada de sal e verificouse que hai un límite na
solubilidade do sal.
Preparamos 3 mostras con
auga destilada, auga saturada de sal (salmoira) e auga de mar (do mar de O
Grove, por suposto) e fixemos unha marca da altura á que chegaba a auga. A
maiores, preparamos outros 3 tubos de ensaio con zume de laranxa (por
investigar, simplemente) e metemos todo nun bote con xeo picado e sal (no que
creamos unha mestura crioscópica).
Ó final non conxelamos a
mestura de salmoira, pero si a de auga destilada, a de mar, e o zume de laranxa
dos tres tubos de ensaio (por certo, para ampliar o estudo, tiñámoslle metido un
pau dentro e comprobamos que ó sacalo tiñamos uns xeados que non nos quedou
máis remedio que comer).
Non conxelamos todo o
mar, só unha porción, pero como resultado colateral conxelamos un zume de
laranxa natural e desfrutamos duns merecidos xeados para rematar a sesión.
Moi bo traballo.
Ata a próxima!
Ningún comentario:
Publicar un comentario