mércores, 9 de setembro de 2020

Young Business Talents

 A nosa experiencia no Young Business Talents foi estupenda, unha gran oportunidade de aprender para calquera alumno de economía. Ter a posibilidade de dirixir unha empresa, competindo en mercados nacionais e internacionais contra outras empresas dirixidas igualmente por alumnos de idades semellantes, brinda a calquera estudante uns coñecementos e valores fundamentais para a súa vida futura. A intuición empresarial e a toma de decisións eríxense como os alicerces fundamentais para alcanzar a vitoria e só aqueles que cheguen a dominar a presión da competición e tomen as mellores decisións, reaccionando ante os cambios do mercado, arriscando ou sendo conservadores, conseguirán clasificarse primeiros. O programa non se basea tanto no dominio dos conceptos económicos, senón en coñecer o simulador e o mercado á perfección, para adiantarse aos acontecementos, intuíndo as futuras decisións das empresas competidoras.



Durante todo o curso, o Young Business Talents converteuse nun dos nosos proxectos máis ilusionantes. Realmente brinda unha experiencia próxima, adaptando ao noso nivel a dirección dunha empresa real. A utilización dun software simulador profesional, premia o uso da lóxica e permite que, ante distintos escenarios, calquera decisión sexa válida, como o sería nun mercado real. Por iso consideramos que a participación nesta competición é unha gran idea do departamento de economía, recomendándoa a todos os futuros estudantes (e iso que quedamos sen a viaxe a Madrid).


Raúl Salgado García, 2º bacharelato

Ningún comentario:

Publicar un comentario