xoves, 25 de maio de 2023

Pasapalabra "O Monte Vivo"

Dentro do Plan Proxecta "O Monte Vivo", realizouse un rosco, na nosa biblioteca, o 24 de maio. 

A: comeza pola A: avaliación. Tras a visita o pasado día 8 de maio á base aérea do Campiño por parte do alumnado de 1º ESO, tocaba avaliar os coñecementos adquiridos por parte dos participantes, tanto nesta actividade como nas restantes relacionadas co programa “O monte vivo”.

-Bcomeza pola B: biblioteca. Josebe, como coordinadora da Biblioteca do IES Monte da Vila, conseguiu involucrar, tanto ao alumnado máis novo, de 1º ESO, como aos “veteranos “ de 2º Bacharelato presentes, demostrando que é posible a cooperación interxeracional,

-Ccomeza pola C: os participantes organizáronse en dous grupos, “pilotados” por cadanseu voceiro, e foron respondendo ás preguntas do “rosco” correspondente, relativas a monte e incendios. Os equipos tiñan como mascota un peixe e unha ra, segundo o debuxo que aparecía en cada “rosco”.

-Dcomeza pola D: demostración: o alumnado demostrou ter asimilado moitos contidos sobre a materia, facendo vibrar coas súas respostas ao profesorado presente, de diferentes departamentos.

-Ecomeza pola E: entrega: tras un tempo de lecer cheo de entretemento, procedeuse á entrega do premio ao equipo cuxo voceiro foi Jose Carlos Caneda, quen xa tivera un papel protagonista na excursión ao Campiño. O agasallo recibido foi, precisamente, un dos dous enormes libros que nos entregaron alí, con fotografías sobre as paisaxes galegas que son a envexa doutras rexións, e que tanto debemos coidar.

-F: comeza por F: final. Esta é a actividade final no marco do Plan Proxecta+ “ O Monte vivo”, na que participamos os departamentos de Matemáticas, Xeografía e Historia e Música; neste caso en coordinación coa biblioteca, e coa axuda do TIC do centro, Pablo Gallego.



martes, 23 de maio de 2023

Conta Contos

O alumnado de 2º da ESO voltou ao seu colexio para converterse en conta contos por un día. 

 O día 15 foron ao colexio Rosalía de Castro e o 22 ao colexio Conmeniño, reencontrándose con algúns dos seus profesores e profesoras. 

Fíxolles moita ilusión ler contos ao alumnado de primaria, tendo en conta, ademais, que polo medio andaban algúns e algunhas das persoiñas pequenas da súa familia. Amosáronse moi agradecidos e contentos pola visita do noso alumnado.

Algúns nenos e nenas regresaron cheos de agasallos e debuxos que lles fixeron os máis pequenos.

Pasear polo lugar onde pasaches os teus primeiros anos sempre é unha experiencia gratificante, e se o fas acompañado dunha boa lectura, aínda máis.





luns, 22 de maio de 2023

XVII Edición das Esculturas de Area

Desde as nove da mañá as ferramentas e as ideas inzaban a praia da Lanzada, ideal por contar coas condicións necesarias para acoller as máis de 700 persoas participantes na Xornada de Esculturas de Area que se celebra desde hai xa dezasete anos.

Organizados desde o IES Monte da Vila do Grove, coa colaboración indispensable da ANPA, de Protección Civil e o Concello de O Grove, o alumnado e profesorado vido desde distintos puntos de Galicia gozaron dunha xornada solleira e de moi boa temperatura, enchendo a area de interpretacións da obra e da figura de Picasso, que foi o tema deste ano. Un total de 11 centros participaron nesta edición.


As obras, de diferentes tamaños, só tiveron o vento do norte na súa contra, que provocaba que as esculturas secasen demasiado rápido e fose moi difícil conseguir darlles altura. Para acadar o éxito houbo, polo tanto, que botar man do traballo en equipo, a capacidade de organización e a resolución de problemas, competencias que nas aulas é máis difícil traballar.



Josebe Arrillaga, creadora e mantedora do evento, xunto coa súa compañeira do departamento de Debuxo Clara Vindel, agradeceulles a todos os centros e membros da organización a participación na xornada de hoxe, convidou a repetir no vindeiro curso e anunciou que o tema do próximo ano serán as gárgolas.


Mónica Góñez

Galicia Noticias Mediodía. 22/05/203. TVG

Galería de imaxes

venres, 19 de maio de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 Non atopamos mellor xeito de conmemorar este día que realizando unha lectura dos poemas premiados no IV Certame de Poesía Montenegro, o día 18 de maio, durante o segundo recreo 



Entregouse, ademais, un pequeno agasallo aos gañadores e gañadoras, tanto do IV Certame de Poesía como aos do I Certame de Arte Montenegro.





sábado, 6 de maio de 2023

I Semana da Saúde

 MARTES 2 DE MAIO

  • Obradoiros de iniciación ao Break Dance a cargo de Bboy Kawa de KL Making Dancers.

IES MONTE DA VILA ao longo da mañá e dirixido a alumnado de 2º ESO.

  • Conversa sobre “O IMPACTO DAS REDES SOCIAIS NA IMAXE CORPORAL” pola nutricionista Lidia Folgar.

BIBLIOTECA MUNICIPAL ás 13:30 h dirixido a alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.

  • Conversa sobre “COMO IDENTIFICAR CONDUTAS DE RISCO COA ALIMENTACIÓN” ás 16:30 h por Lidia Folgar.

BIBLIOTECA do Instituto Monte da Vila e dirixida á Comunidade Educativa.

MÉRCORES 3 DE MAIO

  • Saída en bicicleta ao Acuario do Grove e xogos na praia.

ACUARIO DO GROVE e PRAIA DAS PIPAS ao longo da mañá dirixido a alumnado de 1º de ESO.

VENRES 5 DE MAIO

  • Obradoiro sobre “O COIDADO DO SOLO PELVIANO NA ADOLESCENCIA” impartido por Beatriz Crispín Pazó adestradora especializada na área da muller.

XIMNASIO DO IES MONTE DA VILA ás 10:45 dirixido a alumnas de 2º de Bacharelato.

  • Obradoiro sobre “O COIDADO DO SOLO PELVIANO NA IDADE ADULTA” por Beatriz Crispín Pazó.

XIMNASIO DO IES MONTE DA VILA ás 16:30 dirixido á Comunidade Educativa.

MÉRCORES 10 DE MAIO

  • Descenso polo río Miño organizado polo Departamento de Educación Física coa empresa Arrepions.

CONCELLO DE ARBO ao longo da mañá e dirixido a alumnado de 1º de Bacharelato.