Amosando publicacións coa etiqueta Concurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Concurso. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de outubro de 2024

Decoración de portas no Samaín

Samaín está á volta da esquina, e é o momento perfecto para encher as nosas aulas de maxia! Queremos animarvos a decorar as portas dos vosos aulas con motivos propios desta celebración tan especial.

Imaxina as portas adornadas con cabazas, fantasmas, tebras e outros elementos que nos lembran as lendas e tradicións do Samaín. É unha oportunidade fantástica para mostrar a vosa imaxinación e traballar en equipo. Podedes crear manualidades, dibuxos ou colaxes que reflictan o espírito desta festa tan popular.

Non só será unha forma de alegrar o ambiente escolar, senón que tamén axudará a que todos entremos no espírito de Samaín. A decoración das portas pode ser unha maneira de aprender sobre as tradicións galegas e de compartir historias sobre o que significa esta celebración para cada un de nós.

Animádevos a participar e a dar vida ás vosas portas! Traballade en grupos, usade materiais que teñades en casa e deixade voar a vosa creatividade. 

Contamos co voso entusiasmo!

martes, 30 de xaneiro de 2024

Concurso de Fotografía

                       
BASES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

 1.    O concurso está aberto ao alumnado pertencente e matriculado no centro e con acceso á aula virtual.

 2.   A participación no concurso será a través da aula virtual onde hai que automatricularse na categoría correspondente. (No Departamento de Debuxo podedes acceder ao curso Concurso de Fotografía. 

3.    Establécense as seguintes categorías:

·   Categoría A: 1º e 2º de ESO.

·   Categoría B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.

·   Categoría C: Bacharelato e Ciclos formativos.

 

4. Cada avaliación haberá un concurso de fotografía con tres temas.

 

5. Pódese participar en calquera delas ou nas tres, cun máximo de 4 imaxes por tema.

 

6.  As imaxes presentaranse en formato jpg co nome do autor e número de fotografía no caso de presentar máis dunha.

 

7. As datas de entrega e os temas de cada trimestre indicaranse nos carteis expostos  nos corredores do instituto.

 

8. Premios: 

Por cada categoría o xurado escollerá unha ou máis fotografías gañadoras.

-  As persoas que as fixeran obterán un almorzo na cafetería e unha excursión ao final de curso.

- As fotografías gañadoras participarán nunha exposición de final de curso.




xoves, 25 de maio de 2023

Pasapalabra "O Monte Vivo"

Dentro do Plan Proxecta "O Monte Vivo", realizouse un rosco, na nosa biblioteca, o 24 de maio. 

- A: comeza pola A: avaliación. Tras a visita o pasado día 8 de maio á base aérea do Campiño por parte do alumnado de 1º ESO, tocaba avaliar os coñecementos adquiridos por parte dos participantes, tanto nesta actividade como nas restantes relacionadas co programa “O monte vivo”.

-B: comeza pola B: biblioteca. Josebe, como coordinadora da Biblioteca do IES Monte da Vila, conseguiu involucrar, tanto ao alumnado máis novo, de 1º ESO, como aos “veteranos “ de 2º Bacharelato presentes, demostrando que é posible a cooperación interxeracional,

-C: comeza pola C: os participantes organizáronse en dous grupos, “pilotados” por cadanseu voceiro, e foron respondendo ás preguntas do “rosco” correspondente, relativas a monte e incendios. Os equipos tiñan como mascota un peixe e unha ra, segundo o debuxo que aparecía en cada “rosco”.

-D: comeza pola D: demostración: o alumnado demostrou ter asimilado moitos contidos sobre a materia, facendo vibrar coas súas respostas ao profesorado presente, de diferentes departamentos.

-E: comeza pola E: entrega: tras un tempo de lecer cheo de entretemento, procedeuse á entrega do premio ao equipo cuxo voceiro foi Jose Carlos Caneda, quen xa tivera un papel protagonista na excursión ao Campiño. O agasallo recibido foi, precisamente, un dos dous enormes libros que nos entregaron alí, con fotografías sobre as paisaxes galegas que son a envexa doutras rexións, e que tanto debemos coidar.

-F: comeza por F: final. Esta é a actividade final no marco do Plan Proxecta+ “ O Monte vivo”, na que participamos os departamentos de Matemáticas, Xeografía e Historia e Música; neste caso en coordinación coa biblioteca, e coa axuda do TIC do centro, Pablo Gallego.



mércores, 12 de maio de 2021

Young Business Talents

Durante a mañá do venres 7 de maio, desenvolveuse na nosa biblioteca a final nacional do Young Business Talents, na que participaron dous equipos: "Afojanecoras", con Anxo, Breixo e Carlos, de 1º de bacharelato e "Empresauriox", con Jenni, Anxo, Zaira e Yael, de 2º de bacharelato. 

Estiveron apoiados en todo momento por Martín Meis e Jose Vázquez, profesores do departamento de Economía. 

Este ano a final desenvolveuse, ao igual que na anterior edición, de xeito telemático, por mor das restriccións que supón a Covid. 

Os medios dos que dispoñemos na nosa biblioteca fixeron posible que se puidera levar a cabo este evento, conectados en directo cos organizadores.

Podes ver o vídeo en youtube pulsando neste enlace

Seguro que o vindeiro curso algún equipo do noso centro volve alcanzar a final e, se a situación sanitaria mellora, viaxarán a Madrid para competir.

domingo, 25 de outubro de 2020

Entrega premios Certames Literarios III Festival Montenegro

  

 Este pasado mércores 21 tivemos a oportunidade de reunirnos por fin para a entrega de premios do III Certame Literario Festival Montenegro.
 
 Foi unha gala canto menos estraña e diferente pero conseguimos levala a cabo grazas á axuda de todos e todas, tanto da organización coma dos asistentes.
 
Os primeiros en recibir os premios foron os gañadores/as e finalistas do I Certame de Poesía. Desde os máis pequenos ata os máis grandes notábaselles ben orgullosos dos seus logros aínda que non lle podíamos ver o sorriso por culpa da máscara.
 
 
 
 
 
Os seguintes en recibir o premio foron os gañadores/as e finalistas do II Certame de Relato Curto. A estes tamén se lles vía ben contentos, unha pena non poderlles ver ben a cara...

 
    Este ano a participación nestes dous concursos foi inmensa e así houbo casi 60 poemas e casi 60 relatos de distintas persoas. 
 
Grazas a todas as persoas que participaron e esperamos que se anime ainda máis xente xa que no fondo todos levamos un artista dentro.
 
Pablo Pazos. 1º bacharelato C.
 
Para ver máis fotos da entrega de premios podes visitar este enlace. 

mércores, 9 de setembro de 2020

Young Business Talents

 A nosa experiencia no Young Business Talents foi estupenda, unha gran oportunidade de aprender para calquera alumno de economía. Ter a posibilidade de dirixir unha empresa, competindo en mercados nacionais e internacionais contra outras empresas dirixidas igualmente por alumnos de idades semellantes, brinda a calquera estudante uns coñecementos e valores fundamentais para a súa vida futura. A intuición empresarial e a toma de decisións eríxense como os alicerces fundamentais para alcanzar a vitoria e só aqueles que cheguen a dominar a presión da competición e tomen as mellores decisións, reaccionando ante os cambios do mercado, arriscando ou sendo conservadores, conseguirán clasificarse primeiros. O programa non se basea tanto no dominio dos conceptos económicos, senón en coñecer o simulador e o mercado á perfección, para adiantarse aos acontecementos, intuíndo as futuras decisións das empresas competidoras.



Durante todo o curso, o Young Business Talents converteuse nun dos nosos proxectos máis ilusionantes. Realmente brinda unha experiencia próxima, adaptando ao noso nivel a dirección dunha empresa real. A utilización dun software simulador profesional, premia o uso da lóxica e permite que, ante distintos escenarios, calquera decisión sexa válida, como o sería nun mercado real. Por iso consideramos que a participación nesta competición é unha gran idea do departamento de economía, recomendándoa a todos os futuros estudantes (e iso que quedamos sen a viaxe a Madrid).


Raúl Salgado García, 2º bacharelato

xoves, 6 de febreiro de 2020

CONCURSO DE VIDEO RECEITAS

IES MONTE DA VILA DENTRO DO PROGRAMA “MARE MECUM” INVITA A TODA A COMUNIDADE DO GROVE A PARTICIPAR NO

CONCURSO DE VÍDEO-RECEITAS
PRATOS DE MEXILLÓN

As técnicas para a súa elaboración son totalmente libres; o único requisito é que a base principal do prato sexa o mexillón.
Valorarase o carácter educativo do vídeo (o vídeo deberá transmitir unha aprendizaxe, a partir do vídeo debe ser sinxelo poder elaborar ese prato na casa) e a presentación do prato.
Podes participar cun máximo de dous vídeos, os cales deben ser da túa autoría e estar en posesión dos dereitos de explotación dos mesmos.

Non está permitido utilizar materiais/contidos sometidos a dereitos de propiedade intelectual, sen adquirir previamente autorización expresa dos propietarios.
Recomendamos así mesmo, a utilización de materiais -musicais, fotográficos, etc,…- rexistrados baixo licenzas libres. Admitirase calquera tipo de formato dixital.

A duración establecida será como mínimo dun minuto e como máximo de tres minutos.

Subir o vídeo a calquera plataforma (youtube, …) e enviar a ligazón ao correo 
foto.video.montedavila@gmail.com, indicando:

·         Nome do prato.
·         Datos do participante.
·         Número de teléfono de contacto

Tamén podes traer o vídeo ao instituto e entregalo no departamento de debuxo.

Data límite de entrega: 8 de marzo.

Na semana cultural, do 30 de marzo ao 3 de abril, os gañadores elaborarán os seus pratos xunto con profesionais da cociña do Grove de recoñecido prestixio.
As receitas gañadoras publicaranse en varios idiomas.
Os gañadores recibirán un diploma, un trofeo e un libro de cociña dedicado polo seu autor. O acto público celebrarase o mércores 1 de abril.

CATEGORÍAS:
A: Menores de 12 anos
B: 1º e 2º ESO
C: 3º, 4º ESO e FPB
D: 1º, 2º Bac. e ciclos
E: maiores de 18 anos
F: Profesionais da cociña

luns, 3 de decembro de 2018

LOGO DA BIBLIOTECA



BUSCAMOS LOGO PARA A 

BIBLIOTECA

Podedes deixar os vosos deseños na caixa que 
está na biblioteca ou enviar un correo a 
bmontedavila@gmail.com


Premio: Vale regalo en librería


Data límite de entrega: 25 de xaneiro de 2019