Amosando publicacións coa etiqueta Lúa de Sangue. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lúa de Sangue. Amosar todas as publicacións

domingo, 7 de abril de 2019

ENTREGA DE PREMIOS CERTAME LITERARIO

A tarde do xoves 4 de abril fíxose entrega dos premios aos gañadores e finalistas dos relatos curtos baseados nos acontecementos de ‘Lúa de sangue’. O acto celebrouse na Sala de Cunchas do concello do Grove na que se espuxeron as obras realizadas polo alumnado do IES Monte da Vila, que estaban inspiradas no ambiente mariñeiro no que se desenvolve a historia de ‘A praia dos afogados’. 


As profesoras do IES Monte da Vila, Clara M. Vindel e Josebe Arrillaga Chopitea, fixeron unha pequena presentación do acto. Clara comezou recordando en que consistía e cal era o obxectivo principal do Festival Montenegro de Arte e Novela Negra e Josebe sinalou que nesta segunda edición se organizaron dous certames literarios que xiraron arredor das obras dos escritores invitados. Este festival pretende sumerxir ao alumnado nos mundos da lectura, escritura e a arte, promovendo a súa creatividade.
  
Participaron nestas dúas edicións diferentes escritores: Domingo Villar, Joe Álamo e Jon Arretxe,  ademais de personalidades relacionadas coa novela negra como é o caso de Sergio Vera. 

A celebración destes festivais fíxose posible grazas a un enorme esforzo por parte do IES Monte da Vila e o Concello do Grove, que se uniron co propósito de fomentar a cultura. 

Por parte do concello falou Pili Galiñanes, desde a Concellaría de Cultura, agradecendo o traballo do instituto e as súas iniciativas, así como a participación, tanto por parte do alumnado  como polas persoas maiores de 18 anos que tamén se animaron a escribir.

Domingo Villar tamén fixo a súa aportación nesta sesión, agradecendo ao instituto por invitalo ao festival e aos participantes polo seu esforzo. Dirixíndose a estes últimos, Domingo afirmou que as obras contaban cunha gran calidade e animounos a seguir escribindo e a facelo con paixón e sentimento. 

A sesión pechouse coa entrega de premios de relatos curtos e coa inauguración da exposición das obras feitas por alumnado de técnicas de expresión gráfico plásticas de bacharelato e por alumnado de educación plástica e visual de 4º  da ESO. 

O IES Monte da Vila xa está agardando a III edición do Festival de Novela Negra.

                                          Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



sábado, 6 de abril de 2019

ENCONTRO CON DOMINGO VILLAR DO ALUMNADO DO IES MONTE DA VILA


O pasado xoves 4 de abril viviuse no instituto IES Monte da Vila unha sesión especial na que un escritor de renome dentro do panorama nacional como Domingo Villar estivo co alumnado do centro resolvendo dúbidas sobre a súa obra ‘A praia dos afogados’ e contándonos o seu percorrido e as súas experiencias ate conseguir ser escritor. 

Comezou a conferencia con diversas preguntas sobre a obra nas que o seu autor revelou que introducía pequenos compoñentes da súa vida real nas súas composicións e personaxes de cine como Rebeca Leira, sacada dunha película de Hitchcock. 

A pesar de que a obra presente de forma minuciosa o sistema de funcionamento da policía, Domingo admitiu que el non falara con ningún membro do corpo para descubrilo, pero si admitiu realizar un extenso traballo de campo en cada ámbito sobre o que escribe. 

Respecto á súa vida, Domingo Villar sempre tivo a ilusión desde que era un neno de ser escritor. Cría que tiña medios e habilidades suficientes para conseguilo, así que desde aquela dirixiu todos os seus esforzos para cumprir o seu propósito. 

Comezou a escribir discursos, artigos de revista e outra serie de escritos para cultivarse no ámbito. 

Despois fundou unha produtora cos seus amigos que chegaría a ter un gran éxito coa realización da obra de teatro ‘Dous homes sen destino’ dirixida por Álex de la Iglesia, entre outros. Despois dunha serie de acontecementos desafortunados a produtora rematou quebrando. 

Domingo Villar non cesou nos seus intentos e escribiu ‘Ollos de auga’, a súa primeira obra, que foi aceptada por unha serie de editoriais, sendo Galaxia a elixida finalmente polo escritor. 

Domingo afirma que non se imaxinaba vivir unicamente da escritura como agora e que isto é froito de moito traballo e esforzo. 

As súas obras gozan de especial recoñecemento incluso a nivel internacional. A súa obra ‘A praia dos afogados’ foi traducido a varios idiomas. 

Para alcanzar ese éxito o autor di que a clave está en escribir emocionado para así provocar ese efecto no lector, de feito, a súa última obra ‘O último barco’, volveuna a escribir de cero porque non lle gustaba o efecto que provocaba. 

O encontro rematou cun discurso de Domingo Villar dirixo ao alumnado, animándonos a facer aquilo que máis lles apaixonara sempre e cando contasen con habilidades para iso e que nunca deixaran de loitar polos seus soños. 



Moitas grazas Domingo Villar.

Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



Vídeo de Brais Míguez de 2º bacharelato A

luns, 18 de febreiro de 2019

CERTAME LITERARIO DE RELATOS MONTENEGRO. DOMINGO VILLAR


CERTAME LITERARIO DE RELATOS MONTENEGRO 2019

Xénero: Relatos breves de temática negra baseados na nova “Lúa de sangue” (ver máis información máis abaixo).

Trátase dunha homenaxe á obra de Domingo Villar A praia dos afogados.

Convoca: IES Monte da Vila do Grove (Pontevedra).
_____________________________________________
Bases:
1.  O concurso está aberto a calquera persoa, podendo participar en calquera das seguintes categorías segundo as súas circunstancias:
•    A: 1º e 2º de ESO.
•    B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.
•    C: Bacharelato e Ciclos formativos.
•    D: Calquera persoa maior de 18 anos.

3. Os textos estarán escritos en galego, con letra Times New Roman, tamaño 14, cun máximo de 2000 palabras.

4.  Serán orixinais e inéditos, e basearanse no suceso reflectido na nova “Lúa de sangue” que figura máis abaixo. Tamén se achega un “arquivo policial” que contén as fotos de diferentes obxectos atopados no lugar que poden (ou non) resultar relevantes de cara ao desenvolvemento do relato. É dicir, os participantes poderán usar de xeito completamente libre o suceso, as circunstancias e indicios que o acompañan.

5.  A data límite de recepción de traballos é o 20 de marzo ás 23:59h.

6. Premios: os gañadores ou gañadoras de cada categoría recibirán  un lote de libros, incluída a última novela de Domingo Villar dedicada polo autor, e un Diploma como recoñecemento aos méritos das obras premiadas. Os finalistas de cada categoría tamén recibirán un diploma acreditativo e unha obra de Domingo Villar dedicada.

7. Xurado: Estará composto por membros do corpo docente  e persoal da Biblioteca Municipal do Grove. O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.

8. Os premios entregaranse o xoves 4 de abril na Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove.

9. Os relatos dirixiranse ao correo electrónico: bmontedavila@gmail.com. Enviaranse dous documentos, o de inscrición cos datos solicitados, e o relato, no que se incluirá ao comezo só o título (ningunha referencia ao autor ou autora).

Calquera consulta ou dúbida poderá dirixirse ao profesorado da biblioteca ou ao correo electrónico citado anteriormente.


venres, 15 de febreiro de 2019

TRALAS PROBAS DO CRIME

XA TEMOS AS PROBAS DO CRIME POLOS CORREDORES DO CENTRO. 


HAI QUE IR PREPARÁNDOSE PARA ESCRIBIR SOBRE O QUE PASOU!!!!!!!