venres, 21 de abril de 2023

23 de abril. Día do libro

 Cartel elaborado por Iñaki Méndez


O venres 21 de abril, conmemorando o día do libro, presentouse o libro, editado por Iñaki Méndez, coas obras literarias e artísticas do V Festival Montenegro.

Aproveitouse esta presentación para ler algunhas das obras e agasallar ás persoas que escribiron os relatos gañadores cun exemplar da publicación.















sábado, 15 de abril de 2023

XVII Edición “ESCULTURAS DE AREA na praia da Lanzada

      O Departamento de Debuxo do IES Monte da Vila do Grove mergúllase xa na organización dunha nova xornada de esculturas na area.  Este ano o  tema é “PICASSO. Esperamos encher a praia de representacións e interpretacións figurativas con toda a imaxinación que poida achegar o alumnado sobre a obra deste artista.

Tendo en conta as mareas, barallamos dúas datas para a xornada:

Luns 22 de maio (día sinalado, se non chove)

Mércores 7 de xuño

 Para quen veña por primeira vez achegamos este vídeo a modo de presentación:

http://www.youtube.com/watch?v=_2feaxvjUg


Dadas as dimensións das obras e a alta participación de alumnado, aconséllase que os grupos sexan, na medida do posible, de entre 3 a 6 persoas. É moi práctico traer nunha caixiña unha pequena maqueta en plastilina do traballo que se quere realizar.

Os materiais que se necesitan para o desenvolvemento do proxecto son: caldeiros grandes, seiróns (capachos), pas, espátulas e útiles para modelar, así como distintos elementos (ecolóxicos) para decorar. Non esquezades traer roupa cómoda nin protexervos con parasoles, chapeus de praia, cremas protectoras...

Para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da xornada o Concello do Grove activará un dispositivo de vixilancia específico a cargo de Protección Civil.   

 A actividade está pensada para se realizar durante toda a mañá e comeza cando cheguedes. Nós estaremos na praia agardándovos dende as 9. Podedes aproveitar a tarde organizando algunha saída no Grove: paseo en barco con visión submarina, pequena ruta de sendeirismo, visita ao Centro de Interpretación da Natureza da Siradella...

 Se vos apetece a idea de traballar o tema do volume na praia e que o voso alumnado comparta proxectos coa rapazada dos distintos niveis da ESO e Bacharelato doutros centros, pregamos que vos poñades en contacto coa coordinadora.


Coordinadora da Xornada:
Josebe Arrillaga(josebe@edu.xunta.gal)

Correo do centro: ies.monte.vila@edu.xunta.es

Correo da Biblioteca: bmontedavila@gmail.com

Teléfono do IES Monte da Vila: 886151412

O Grove, a 14 de abril de 2023

IV Certame de Poesía Montenegro